A LENDA DE BREOGAM (1985)

Описание к видео A LENDA DE BREOGAM (1985)

A lenda de Breogán é a adaptación dun relato homónimo de Vicente Risco que conta a historia do caudillo celta. Esta escolla tiña como obxectivo aproveitar o mellor dos escenarios posibles na Guarda, o Monte Santa Trega e o seu castro, e así facer máis atractiva para o alumnado a abordaxe deste período histórico. As rapazas e rapaces sumáronse ilusionados ao proxecto e se encargaron de realizar todas as tarefas que a realización do filme precisaba: localización de escenarios, elaboración do guión, interpretación, preparación do atrezzo, rodaxe, etc.
A curtametraxe comeza cando un rapaz, o protagonista da historia (protagonizado por Seve Pacheco), le o relato no Trega e se retrotrae, nunha ilustración en imaxes moi interesante polo formalismo da proposta, á época pasada na cal sucede. Resulta moi suxestivo este inicio porque nel se fai unha evocación do poder da lectura, que entronca de cheo co propio espírito que alberga o proxecto audiovisual.
A continuación vemos unha serie de secuencias nas que se reconstrúe a vida no castro. Obviamente, as imaxes son moi naif, non obstante teñen un importante valor xa que poñen en evidencia o propio artificio cinematográfico, case teatral, como acontece nalgunhas correntes de cinemas "non reconciliados" que practican este tipo de procesos, como por exemplo na obra de Jean-Marie Straub e Daniélle Huillet. Tras amosar os preparativos á guerra a acción desprázase ao embarcadoiro da Pasaxe. A travesía nun barco (unha gamela) filmouse perto da ponte do Tamuxe, e a secuencia final do enterro acontece na praia do Codesal.
O profesor Alberte de Esteban editou o filme con dous vídeos incorporándolle a voz dos seus alumnos e alumnas e tamén a súa propia en over. As imaxes teñen moitas marcas características da manipulación do vídeo, unhas imperfeccións que nos informan sobre os poucos recursos que había no centro e sobre a época na que foi realizada. A lenda de Breogán recibiu unha crítica moi positiva por parte do cineasta galego Calos Velo cando este foi o convidado nas XOCIVIGA de 1985. No seo deste festival puido ser vista A lenda de Breogán, dentro dunha escolma de obras audiovisuais feitas por institutos de toda Galiza. Este filme foi visto na Guarda en poucas ocasións xa que, até o ano pasado, moi pouca xente sabía da súa existencia. Afortunadamente agora volve á luz, e á marxe das súas calidades artísticas podemos admirar nela a materialización dun proxecto pedagóxico rompedor e o legado dunha actitude cara a vida crítica e insubornable.
Máis información en: http://actodeprimavera.blogaliza.org/...

Комментарии

Информация по комментариям в разработке