Pregón de Iago Santalla no XLV Festival de Pardiñas 2024

Описание к видео Pregón de Iago Santalla no XLV Festival de Pardiñas 2024

Pregón de Iago Santalla no XLV Festival de Pardiñas, que tivo lugar o domingo 4 de agosto de 2024. O texto do pregón é o seguinte:

Bo día Pardiñas.

É unha honra para min estar neste palco que hai 45 anos ergue a nosa música como bandeira dun xenio único no mundo. Pardiñas convértese cada agosto nun epicentro cultural: música, artesanía, literatura, xente nova acampada para celebrar o país e xente, non tan nova, mantendo ano tras ano a súa militancia no idioma e no pobo galego.

Por favor, pechade os ollos e respirade este ar limpo e ceibe. Agora erguede a alma e soñade. Soñemos todas e todos aquel primeiro soño que un día levou a Alfonso Blanco Torrado a crear esta marabilla que nos conforta. Ben merece un aplauso, non?

Para min Pardiñas é un milagre humano no que unha parroquia cobra forza para convocar a Galicia enteira. Porque estou seguro de que si agora berro as nosas cidades alguén me contesta. Vou probar, podedes berrar por proximidade: Lugo, Coruña, Ferrol, Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense, Terra Chá....

Agora que sabemos que todo o país está aquí, deixádeme dicirvos que somos máis persoas das que vedes. Dicía o Manuel María:

Galicia somos nós:
a xente e máis a fala
¡Si buscas a Galicia
en ti tes que atopala!

Pois ben moitas e moitos atopáronse con Galicia en Pardiñas porque aquí partillaban ideas con toda a xente que quería un país mellor. Se sentides presenzas son reais. Entre vós están: Fiz Vergara Vilariño (que ben merecía un 17 de maio), Manuel María e Saleta, Abella, Pousa Antelo, Bernardo, Carballo, Mato, Neira Vilas e Anisia Miranda, Antía Cal e tantas boas almas que van con nós por sempre e para sempre.

Esta compaña de almas faime berrar para dicir que queremos seguir vivindo nunha terra de aire limpo e auga pura. Nin a auga nin o aire deben ser propiedade de ninguén e ninguén ten dereito a lixalos por un interese económico. Polo tanto grazas ás xentes do Ulla por loitar.

Tamén quero felicitar a todas as rapazas e rapaces que hoxe recibides un galardón por algo tan bonito e tan complexo como é crear. Animádevos a seguir facendo arte por vós e pola vosa xente.
Obrigado a Xermolos e vós:

A bailar Pardiñas!
Pobo ceibe e baril.
Xa que cantaches os 45
non pares ata os 45 mil

Vídeo feito por Raúl Río

Комментарии

Информация по комментариям в разработке