Alalá nº 26 "Seivane" - TVG

Описание к видео Alalá nº 26 "Seivane" - TVG

ALALÁ Nº 26
SEIVANE

(EMISIÓN 07/11/2006)

O apelido Seivane é coñecido por varias razóns. Susana Seivane, é unha das nosas gaiteiras mais internacionais e o Obradoiro de gaitas da familia Seivane é a primeira empresa galega na fabricación, comercialización e exportación de gaitas.

A carón de todo isto hai unha figura fundamental, a do patriarca Xosé Manuel Seivane Rivas, con el comezou a historia hai mais de 60 anos.

Hoxe no programa Alalá achegarémonos ós primeiros recordos que garda Seivane da súa paixón musical. Xa de neno escapaba nas festas para onda o gaiteiro e quedaba pasmado vendo como facían sonar aquel instrumento. Comprou a primeira gaita con tan só doce anos e custoulle 17 pesetas. Este foi o comezo da traxectoria do grande artista, sen ningún mestre que lle ensinara fixo el mesmo unha.

A inmensa maioría dos gaiteiros de Galicia lembran o Santuario de Ribeira de Piquín (na provincia de Lugo), así lle chamaban a aquel taller que el montou e no que acabaron traballando tamén os seus fillos que, desde cativos, medraron co son do torno e das gaitas.

Seivane, un home admirado, respetado e querido polos grandes profesionais da música, falaranos da súa vida, do custoso que era facer unha gaita sen apenas ferramentas e de como evolucionou todo coa incorporación hoxe en día das novas tecnoloxías.

Na actualidade o Obradoiro está en Cambre. Seivane é hoxe en día un home cheo de orgullo porque se cumpriu o seu sono: que os seus fillos e netos seguiran coa profesión que el tanto amou durante toda a súa vida e que a súa neta Susana Seivane leve ós escenarios polo mundo adiante o seu sentir musical.

Veremos tamén como cambiaron as cousas no Obradoiro familiar e como se mantén o apelido da gaita cos seus fillos: Alvaro e Xosé Manuel e os seus netos Roberto e Saínza.

Os Seivane cando se xuntan nas celebracións familiares fan o que mellor saben: tocar e transmitir o amor que se teñen deste xeito. No alalá de hoxe seremos convidados nunha festa familiar na que por primeira vez a carón de Susana Seivane veremos tocar a toda a familia.

Комментарии

Информация по комментариям в разработке